“Cartografía Sociolóxica”

Ao longo desta semana estiven asistindo a un curso de Sistemas de Información Xeográfica (SIX) organizado polo Colexio de Xeógrafos no campus sur de Santiago de Compostela.

Para o que non estea moi posto ao día, en dúas palabras, trátase dun sistema informático que permite plasmar información en mapas dixitais.

A pesares de que o seu uso está máis estendido entre as Ciencias Naturais, pode resultar de gran interese para disciplinas como a Socioloxía, ou as Ciencias Sociais en xeral. En moitas investigacións sociais ou de mercado, a análise comparativa territorial resulta determinante para facermos unha interpretación da realidade obxecto de estudo. A posibilidade de representar información en mapas facilita sen dúbida esta labor. En ocasións, e para que nos entendamos, “un mapa di máis que mil táboas”.

O máis avanzado software para SIX é o Arcgis. O manexo deste tipo de ferramentas está fortemente condicionado pola dispoñibilidade de cartografía. Porén, cada vez son máis as institucións que non só elaboran a súa propia cartografía, senón que esta está dispoñible en internet. Convídovos a visitar a páxina do IDEE, onde atoparedes gran parte da cartografía existente.

Por outra banda, nos últimos anos proliferou algún que outro software libre que non ten nada que envexar aos comerciais, como é o caso do GVgis, deseñado pola Comunidade Autónoma de Valencia (pódese descargar moi facilmente)

O Arcgis foi o software escollido polo mestre para impartir o curso. Ei de recoñecer que tiven algunhas dificultades para comprender algúns termos xeográficos, pero isto non foi un impedimento para adquirir unha serie de conceptos chave para o seu manexo.

Así, para facer un simple mapa de poboación por concellos precisamos, por unha banda, conseguir un mapa de Galicia en formato shape, que podedes descargar gratuitamente na páxina do SITGA. Isto é, basicamente, a plantilla sobre a que volcar posteriormente os datos. Por outra banda, precisades recoller información sobre a poboación de cada concello, por exemplo, no Padrón de habitantes publicado no IGE. Posteriormente, teredes que vincular os códigos municipais cos códigos que o arquivo shape lle ten asignado a cada concello.

Podedes conectarvos a algún servidor externo por vía WMS para cargar mapas temáticos sobre a plantilla shape. Buscade en “San Google” WMS Galicia. É probable que vos leve ao IDEE, onde atoparedes unha dirección web. Pois ben, esa dirección é a que vos pedirá o software para cargar toda a información.
A verdade e que se poden facer virguerías, pero aconséllevos que leades o manual do programa gis que utilicedes, ou mellor aínda, que faledes con alguén que xa coñeza este tipo de ferramentas, pois será de gran utilidade para aprender catro cousas básicas e aforrar tempo.
Advertisements

Orzamento Participativo en San Sadurniño

O Orzamento Participativo é un mecanismo mediante o cal os veciños dun concello realizan propostas de actuación co fin de que estas sexan incluídas nos ornamentos municipais.

A súa orixe hai que situala en Finlandia hai aproximadamente 20 anos, aínda que foi a partir da experiencia de Porto Alegre (1989) cando foron gañando presenza no ámbito de latinoamérica e Europa.

Con relación ao Estado español, cabe destacar as experiencias levadas a cabo en Sevilla, Albacete, San Sebastián, Málaga, Córdoba entre outras cidades. (+info presuspuestosparticipativos.com)

E a nivel galego…pois parece que desde o pasado sábado 13 de setembro, o noso país perdeu a súa “virxindade”. E non foi na Coruña, ni en Vigo, nin en Pontevedra.. non¡, foi en San Sadurniño, concello situado ao Norte da provincia da Coruña.

Ademais, o seu carácter rural outórgalle aínda maior trascendencia, pois a gran maioría das experiencias, tanto a nivel estatal como internacional, leváronse a cabo en entornos urbanos.

O pasado sábado 13 de setembro tiven a sorte de participar, en calidade de técnico da consultaría Proxectos, na presentación oficial do Orzamento Participativo deste concello. Tiven o honor, porque non dicilo, de expoñer, xunto co meu compañeiro Pepe Grandal, as bases reguladoras de todo o proceso.

Existe un rumor moi estendido de que as empresas de consultaría adoitan recorrer en innumerables ocasións ao “copia e pega” para facer os seus traballos. Ben, a este respecto teño que dicir tres cousas. Primeiro, que é certo, segundo que non é tan fácil e terceiro que non sempre é así. Explícome. Evidentemente, se a información que un consultor está a buscar na rede xa existe e é exactamente igual ao que un busca, pois coño, o lóxico é copiar. Pero na maior parte dos casos isto non é así, polo que aínda que un pode copiar algunhas cousiñas, o verdadeiramente complexo de todo isto é saber adaptar a gran información existente hoxe en día á realidade obxecto de estudo. Por outra parte, tamén é posible que determinados temas sexan imposibles de copiar, polo simple feito de non existiren información ao respecto.

Cando os membros da Área de Investigación Social Aplicada (Carlos, Diana e máis eu) de Proxectos comezamos a deseñar o proceso participativo (xunto cos técnicos e representantes políticos municipais) recadamos gran cantidade de información sobre Orzamentos Participativos realizados noutros concellos de España ou América latina, principalmente. A conclusión foi: “non hai dous Orzamentos Participativos iguais”, é dicir, dependendo das características de cada territorio, as regras que regulan o proceso mudan completamente.

Neste contexto, e ante a inexistencia de experiencias previas en Galicia a situación de partida requiría incorporar a perspectiva do rural galego e introduciren unha serie de regras que remataran por regular, do xeito máis xusto, todo o proceso.

Foi así como se deseñaron as Bases Reguladoras, documento inicial para unha experiencia piloto, que agardamos recolla todos aqueles aspectos relevantes para un bo desenvolvemento deste iniciativa municipal.

O que en Málaga podía significar asemblea de barrio, en San Sadurniño convértese en asemblea parroquial. Mentres que a poboación pode resultar o único criterio a ter en conta no reparto dos orzamentos entre os barrios de Córdoba, en San Sadurniño cumpría engadir unha serie de criterios, como o número de núcleos ou a extensión das propias parroquias, habida conta da gran dispersión poboacional do rural galego.

Trátase, en definitiva, dun proxecto innovador que agardamos teña toda a transcendencia mediática que se merece para que serva de exemplo en outros moitos concellos do noso país, en aras dun novo concepto de democracia alén da participación electoral.

Agardo que todo saia ben e que dentro dunhas semanas poda volver a escribir neste blog contándovos o éxito, que dalgunha maneira xa tivo, o Orzamento participativo en “Sansa”.

Ligazón relacionada: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=5&idNoticia=342589

Benvid@s

Como non podía ser menos, este primeiro artigo non ten outro obxectivo que o de darvos a benvida a este meu/voso blog (que mellor maneira de facelo que navegando polos lagos de kaszuby, jeje) Despois do éxito acadado con blog “debantindo” no meu concello natal (As Pontes), desta volta agardo, cando menos, manter o nivel de visitas e comentarios acadados con esta primeira experiencia “blogueira”. Como ben indico na presentación (ver columna da esquerda), mediante este blog procurarei publicar cantos artigos sexan posibles e coa maior frecuenica posible sobre temas sociais, políticos, culturais, locais, globais… e sempre desde unha óptica persoal e crítica e tamén, por que non dicilo, dun xeito informal e sarcástica (cando o tema así o requira), procurando iso sí, non ser ferinte nin punzante (aínda que algunhas noticias ou temas de actualidade ben o merezan)

Agardando que gostedes do blog, recibide un cordial saúdo