“Cartografía Sociolóxica”

Ao longo desta semana estiven asistindo a un curso de Sistemas de Información Xeográfica (SIX) organizado polo Colexio de Xeógrafos no campus sur de Santiago de Compostela.

Para o que non estea moi posto ao día, en dúas palabras, trátase dun sistema informático que permite plasmar información en mapas dixitais.

A pesares de que o seu uso está máis estendido entre as Ciencias Naturais, pode resultar de gran interese para disciplinas como a Socioloxía, ou as Ciencias Sociais en xeral. En moitas investigacións sociais ou de mercado, a análise comparativa territorial resulta determinante para facermos unha interpretación da realidade obxecto de estudo. A posibilidade de representar información en mapas facilita sen dúbida esta labor. En ocasións, e para que nos entendamos, “un mapa di máis que mil táboas”.

O máis avanzado software para SIX é o Arcgis. O manexo deste tipo de ferramentas está fortemente condicionado pola dispoñibilidade de cartografía. Porén, cada vez son máis as institucións que non só elaboran a súa propia cartografía, senón que esta está dispoñible en internet. Convídovos a visitar a páxina do IDEE, onde atoparedes gran parte da cartografía existente.

Por outra banda, nos últimos anos proliferou algún que outro software libre que non ten nada que envexar aos comerciais, como é o caso do GVgis, deseñado pola Comunidade Autónoma de Valencia (pódese descargar moi facilmente)

O Arcgis foi o software escollido polo mestre para impartir o curso. Ei de recoñecer que tiven algunhas dificultades para comprender algúns termos xeográficos, pero isto non foi un impedimento para adquirir unha serie de conceptos chave para o seu manexo.

Así, para facer un simple mapa de poboación por concellos precisamos, por unha banda, conseguir un mapa de Galicia en formato shape, que podedes descargar gratuitamente na páxina do SITGA. Isto é, basicamente, a plantilla sobre a que volcar posteriormente os datos. Por outra banda, precisades recoller información sobre a poboación de cada concello, por exemplo, no Padrón de habitantes publicado no IGE. Posteriormente, teredes que vincular os códigos municipais cos códigos que o arquivo shape lle ten asignado a cada concello.

Podedes conectarvos a algún servidor externo por vía WMS para cargar mapas temáticos sobre a plantilla shape. Buscade en “San Google” WMS Galicia. É probable que vos leve ao IDEE, onde atoparedes unha dirección web. Pois ben, esa dirección é a que vos pedirá o software para cargar toda a información.
A verdade e que se poden facer virguerías, pero aconséllevos que leades o manual do programa gis que utilicedes, ou mellor aínda, que faledes con alguén que xa coñeza este tipo de ferramentas, pois será de gran utilidade para aprender catro cousas básicas e aforrar tempo.
Advertisements