Socioloxía das Marquesiñas

No segundo artigo que publiquei falei sobre o proxecto de Orzamento Participativo en San Sadurniño. Teño que dicir que até o momento está rexistrando unha alta participación, tanto no que se refire a achega de propostas como ás asembleas parroquiais. Aínda que agardo poder colgar información máis polo miúdo proximamente, gustaríame centrarme nunha das propostas feitas en varias das parroquias, como é a referida ás marquesiñas.

O debate xerado en varias das asembleas parroquiais permite entrever cal é a importancia dese, a priori, sinxelo elemento do mobiliario urbano no medio rural galego. É probable que o “tupido velo” imposto pola urbanización da sociedade galega faga que a penas reparemos en cal é o significado que poden ter esas pequenas casetas que deixamos atrás no noso fugaz paso pola estrada que atravesa algún núcleo de poboación do que moitas veces nin coñecemos o seu nome.

Máis aló do uso polo que foron creadas moitas delas, como é o de protexerse da, por momentos, salvaxe climatoloxía do noso país durante a, case sempre, longa espera antes facer uso das poucas liñas de autobús dispoñibles en moitos lugares afastados da sociedade “avanzada”; as marquiñas configúranse como un elemento estrutural da vida social de calquera parroquia galega.

A forte dispersión que caracteriza o medio rural galego leva a que a interacción veciñal se reduza a determinados espazos sociais. Moito se ten falado das tabernas ou da propia igrexa parroquial como lugares comunitarios onde a xente adoita reunirse. Neste senso, as marquesiñas representan unha especie de “oasis” da que moitos veciños fan uso para se xuntar e, como dicía a miña avoa, botar unha parolada.

Se ademais do factor dispersión temos en conta o alto índice de envellecemento da poboación galega no rural, as marquesiñas representan unha especie de “apeadeiro” no que a xente pode descansar cando decide ir visitar a un veciño, ou simplemente saír dar unha volta.

Nun dos meus paseíños por unha das parroquias de San Sadurniño, puiden constatar os diferentes usos que se lle dan. Cabe destacar o seu papel “informativo”, pois en moitos casos son utilizadas para “colgar” información sobre festas e outros eventos. Aínda que soa máis a anécdota que outra cousa, chamoume especial atención o seu uso como fixadores de
contedores do lixo. O
que en principio parecía un “feismo” dos moitos que se poden atopar na “Galiza de planos curtos”, no transcurso dunha das asembleas foi defendido como o único xeito de evitar que os contedores do lixo foran arrastrados polo forte vento. Claro que falar dos contedores daba para facer, como mínimo, outro artigo coma este.


Por último, non quixera pasar por alto a descrición dos distintos tipos de marquesiñas. Pódese dicir que estas entenden de clases sociais. Existen moi diferentes tipos. Por un lado temos o modelo “hórreo”. Estas son as máis caras e sitúanse, normalmente, en estradas comarcais dependentes da Deputación. Despois está o modelo “plástico”, anterior ao de “hórreo”, tamén da deputación e que soen estar en peores condicións. Por outra banda, están as míticas marquesiñas metálicas. Estas son dependencia municipal, e sitúanse en estradas municipais. Foron construídas alá polos anos oitenta coa finalidade principal de dar abrigo aos rapaces que ían a escola. Polo que puiden ver, en xeral están en bastante mal estado.

Advertisement

3 thoughts on “Socioloxía das Marquesiñas

Comments are closed.