Por que as cousas son así??

Imaxe cedida por Chou
Influenciado pola recente lectura de Freakonomics decídome finalmente a escribir a presente entrada. “Un economista politicamente incorrecto explora o lado oculto do que nos afecta”. Así se subtitula o libro. Efectivamente, Steven D. Levitt é un atípico e enxeñoso economista norteamericano que “estuda a esencia e os enigmas da vida cotiá

Imaxinádevos a seguinte situación: un camión introdúcese nun dos túneles da Praza de España de Ferrol. O seu condutor vese obrigado a frear na saída do mesmo, pois do contrario acabaría batendo contra o sistema de ventilación. A situación acaba por provocar un caos en pleno centro de Ferrol. Despois de que todos os corpos e forzas de seguridade, técnicos municipais e demais expertos analicen a situación sen achar unha solución á caótica situación, un paisano de aspecto sinxelo achégase até o epicentro do caos e solta: “por qué non desinchades as rodas do camión?

Pois ben, digamos que o noso autor é coma o susodito paisano, que coa aplicación do menos común dos sentido, é dicir, o sentido común procura solucións sinxelas a problemas a priori complexos.

“A economía é unha ciencia que conta con ferramentas excelentes para a obtención de respostas, pero que sufre unha seria escaseza de preguntas interesantes”. Así, este economista americano basea gran parte dos seus traballos na exposición de novas preguntas que aínda que ás veces rozan a trivialidade, fan que un se pare a cavilar. “Por qué continúan os traficantes de drogas vivindo coas súas mais?” Esta e outras moitas preguntas son as que o autor de xeito sagaz procura dar resposta ao longo do libro . Supoño que estaredes de acordo comigo en que non é a típica pregunta dun economista, bueno, eu polo menos non me imaxino a Pedro Solves formulando este tipo de preguntas.

En contra do que se pense, os traficantes tamén saben o que é a precariedade laboral…e se vos digo a verdade, os poucos que coñezo, pois si, seguen a vivir cos seus pais.

“Por que os pais negros poñen aos fillos nomes que podan prexudicar o seu futuro laboral?” e outra das preguntas formuladas ao longo do libro. Por que os pais galegos poñen nomes americanos aos seus fillos?, preguntei eu. Lembro que na escola había rapaces con nomes coma Ronald ou Kevin, que unido a apelidos autóctonos (Carballo, Piñeiro) pois…resultaba un pouco chocante. Pero é curioso, porque a ninguén lle resultaba estraño escoitar este tipo de nomes, supoño que porque as series de televisión americanas que viamos naquel entón abundaban ese tipo de nomes. Sen embargo, outros nomes como…Xaquín…resultaban ás veces estraños (aínda que recoñezo que a popularidade das viñetas de Xaquín Marín outorgáronlle maior recoñecemento ao meu nome) É máis, lembro que nunha ocasión un coñecido espetoume: ah, coño, chámaste como o da NBA¡¡¡ (pero non, o meu nome non era exactamente Jack’ll Oneil)

A labor de poñer un nome a un fillo debe ser algo realmente complicado. Podo imaxinar o medo de calquera pai a que o seu fillo sufra calquera tipo de humillación por mor do seu nome. De seguro que se sentiría culpable. Supoño que ese mesmo medo é o que leva a moitos pais a poñer nomes con boa reputación, de xente famosa, de personaxes da tele… E habida conta da hexemonía da cultura americana…Estou por apostar que nos vindeiros anos o número de Rafas e Fernandos aumentará considerablemente en España e, por suposto, o número de Baracks en Estados Unidos.

“Por que a xente vai votar?” Preguntábase o autor. Imaxinádevos por un momento que todo o mundo tivera que votar por correo, é dicir, que non fose posible achegarse ao colexio electoral para depositar a papeleta na furna. Pensades que a participación sería a mesma? Pois probablemente sería moito menor. Se ao acto de ir votar despoxámolo do seu carácter social, o único factor persistente á hora de facer valer o noso voto sería o de “influír nos resultados”, claro, como si os resultados foran a depender do que eu vote, como si as eleccións fosen a depender da miña vontade. Supoño que vos teredes fixado na “feira” que se monta nos colexios electorais de cada pobo ou barrio. Ir votar é un auténtico acto social. Non só vas votar, que va, iso é o de menos. Coño, ti por aquí, que xa votaches?. Votei, votei. Bueno, eu vou agora. Oes, pois espérote aquí que vamos tomarlle aí algo…Coño, mira ti quen estaba de interventor do psoe…Home¡, canto tempo? Non te vía desde as últimas eleccións. En definitiva, un acto público que a xente aproveita para botar unha parolada e un acto moi ben visto pola opinión pública que lle outorga ao individuo un maior status por aquilo de “votar hai que votar”. (probablemente a crise de participación existente en toda Europa non só se deba ao desencanto cos políticos, senón tamén a cuestión deste tipo, quizais as relacións sociais e mesmo o status social non dependan tanto deste tipo de eventos)

Por que en Cedeira a xente vai en coche até o espigón sen necesidade algunha cada vez que cruza a ponte que divide a vila? Preguntei eu a vez que tiven a sorte de experimentalo. Trátase quizais dun ritual de pertenza á vila?

Por que demos entramos ás presas na oficina cando chegamos tarde? Acaso por bater o record dos 100 metros lisos vamos evitar chegar tarde?, non coño, se chegas tarde, chegas tarde e punto. Ou será que con iso estámoslle transmitindo aos compañeiros e xefes, “eu non son deses que chega tarde todos os días eh, isto só foi hoxe, porque accidentalmente quedei durmido”

Si, claro, non podía faltar a pregunta mítica de por que en todos os campeiros que se precen do noso país hai bañeiras a modo de bebedeiros para os animais, ou por que a meirande parte das casas no rural están a medio pintar.

En definitiva, ás veces as preguntas máis triviais agochan tras de si as respostas máis grandes sobre nós mesmos, polo que máis valían preguntarnos de vez en cando, por que as cousas son así?

Advertisements