O15 M e os eslavóns perdidos


É posible que esteamos ás portas de profundos cambios sociais, pero quizais “atopámonos demasiado próximos ao proceso para percibilo con claridade” (Robert Putnam)

Da mesma maneira que os procesos de industrialización supuxeron a desaparición de modelos de sociabilidade como a existente nos pobos e nas aldeas, e trouxeron consigo outros como os sindicatos e os partidos políticos; hoxe en día estamos a vivir unha revolución análoga, chámese revolución tecnolóxica ou da información, que case sen darnos conta está a provocar unha profunda crise das institucións tradicionais.

Non só os partidos políticos, senón tamén os sindicatos, asociacións tradicionais e mesmo a igrexa (se cabe con anterioridade), están experimentando unha crise sen precedentes. Estas institucións séntense incapaces de crear lealdades entre os cidadáns, alén daqueles que fan un uso instrumental das mesmas. Quero iso dicir que as novas xeracións son máis egoístas e “pasotas”?

En efecto, parece que os cambios tecnolóxicos están socavando vellos modelos de solidariedade e, en definitiva, a sociedade é cada vez máis individualista. Pero ese individualismo non significa obrigatoriamente egoísmo, senón máis ben “individualismo solidario” (Bo Rothstein). É dicir, é posible que as novas xeracións están de costas a formas tradicionais e xerárquicas de actividade organizativa, pero non existen datos que confirmen que estas son menos participativas ou solidarias (máis ben todo o contrario) senón que optan por outro tipo de organizacións máis horizontais, temporais e flexibles, como grupos de acción, clubs musicais, ou simplemente a organización de calquera tipo de evento. Todo isto co inestimable soporte das redes sociais en internet. Noutras palabras, as novas xeracións están dispostas a comprometerse, pero fuxindo das tutelaxes e sen renunciar ás súas propias ideas.

As consecuencias destes cambios?, varias. Unha delas, a apuntada polo sociólogo francés Jean Pierre Worms, quen alude a un distanciamento entre a sociedade e as institucións de goberno. Este distanciamento é sen dúbida unha das causas do descontento xeneralizado coa clase político.

Solucións? O propio Jean Pierr considera necesaria unha reforma institucional para “forxar os eslavóns perdidos”, é dicir, crear novos vínculos entre cidadanía e as institucións políticas, unha vez que os partidos políticos, sindicatos e certas asociacións teñen acadado un “aceso privilexiado ao Estado”, o que as afasta da cidadanía e das novas formas de participación.

O movemento xurdido a partir das manifestacións do 15 de Maio esconde tras de si unha gran insatisfacción co funcioamento democrático na meirande parte das democracias avanzadas. Insafisfacción que no caso de España se ten trasladado ás rúas, agravada se cabe máis por factores coxunturais á nosa realidade, como a corrupción e o desemprego.

Faranse eco os partidos políticos deste novo escenario, ou pola contra seguirán considerando que se trata dunha simple pataleta. Deixar a ver.

Advertisements