Ser pai non deixa de ser algo sorprendente. Está un impaciente no corredor do hospital e de súpeto encóntraste celebrando o primeiro aniversario. Teimaba por que nacera o día oito, por aquilo de coincidir co día da Muller. Mais pasaron uns minutos das 12. Tanto ten! Así celébranse os dous días. Momentos inesquecibles! Mamar semella ser o único que ten un significado nos primeiros días. Mamar e apertar a manciña cando achegas o dedo. Ou unha cousa ou a outra. Como se o dilema nacese con nós. O regazo materno ou ollar cara o descoñecido. Como unha especie de instinto social. Como pai un aprende que ser o segundo pode ser o máis marabilloso. A vida cobra un novo significado. O que noutrora semellaba imprescindible resultaba non selo. Os nosos pais soben de golpe dous ou tres pasos no pedestal. Un alcanza a comprender moitas cousas. E as dificultades que entraña. Noites en vela, renuncias de todo tipo. Hai cousas que se botan en falta, como durmir, sobre todo durmir. Hoxe foi un día especial, Kaja e máis eu rememoramos moitos destes intres.