Son un aldeano transnacional

Pode un gabarse dunha multilingüe e internacional rede social. Do que significa impartir aulas a estudantes de catro continentes. De falar inglés bastante mellor que Ana Botella. De pronunciar palabras como Wrzeszcz sen trabarse a lingua. De estar a piques de completar un programa de doutoramento baixo o suxestivo nome de “Globalización e Sociedade”. De ser aceptado para discutir sobre o significado de vivir nun mundo global nunha conferencia a celebrar en Xapón. Os seus problemas e retos de futuro. De sentirse máis o menos integrado na túa cidade ou país de acollida, de tomar parte dos Budżet Obywatelski (Orzamentos participativos) do teu barrio adoptivo de Dąbrowa (Carballeira en galego), e mesmo saudar á xente ao máis puro estilo polaco (lixeiro movemento de cabeza de arriba cara abaixo). Pode un en definitiva atinxir a felicidade nos lugares máis recónditos do mundo, rodearse de persoas que aprecias e te aprecian. Máis sorprende (ou non) como nada diso acaba por apagar determinados sentimentos que se empeñan en facerlle fronte ao destino. Esos que non permiten afirmar con rotundidade onde está a túa Casa e que te advirten de que, gostes ou non, hai unha parte do mundo na que nun espazo relativamente pequeno e claramente delimitado físicamente seguen a estar os teus mellores amigos e, posiblemente, enimigos (léase Gemeinschaft). Alén da familia claro. Sentimento variable que co tempo un aprende a controlar máis ou menos. Ora me presta, ora me amola. Tal vez por iso un volta sempre que pode, como agora, que acabo de reservar os billetes de avión. Catro para ser exactos. É entón cando ese sentimento se manifesta en forma de cóxegas no estómago e sorrisos que te saen das mesmas entrañas. Volverán así as travesías pola “carretera” en dirección á praza do Hospital (Se é que aínda non a converteron nun moderno parking-rotonda), ao parque ou á Fraga, pasando pola rúa Cabanas. Indo coas nenas todo cobra un novo significado. Especialmente Iria, que xa comeza a preguntar por todo. Verá entón como o seu pai sauda á xente mediante movementos de cabeza, agora si, de abaixo cara arriba, de maior ou menor percorrido en función de cuan intensa e frecuente sexa a relación coa persoa; sendo sustituidos por levantamento de brazo cara o ceo cando se trate de, por exemplo, Marquiños no seu xa mítico autobús de Gabeiras. Apertas, parolas e miradas de maior ou menor complicidade. Produtos sociais todos eles que dan conta dunha realidade sociolóxica que se sinte a cada paso e da que, creo, nunca me desprenderei. O gran Carmelo Lisón Tolosana chamoulle a iso secuestro emocional en referencia aos emigrantes galegos nas Américas. Aínda que eu prefiro utilizar un termo de máis recente creación como o de transnational villager (Peggy Levitt, 2001). Por que con todas as súas vantaxes e desvantaxes, iso é o que me sinto, un auténtico aldeano transnacional. “A cabra sempre tira ao monte” que diría algún. Mañá pola tarde partimos cara Santiago de Compostela. É probable que teña que seguir traballando na tese, pero esperemos tomalo con máis calma. Atrás queda un ano de contrastes no persoal e de moito traballo no profesional. Digo adeus a esta oficina sen ter moi claro se voltarei despois do verán e en que condicións. Eles chámanlle flexibilidade. Eu prefiro non chamarlle. Despídome pois cun saúdo virtual en forma de movemento ascendente de largo percorrido mentres digo algo asi como “ta logo”.

Advertisements