Nos últimos días estiven a debatir en facebook sobre os factores que condicionan a saúde das persoas a raíz deste interesante artigo sobre o cáncer en España. Un extenso e rigoroso estudo que representa as diferencias na incidencia de diferentes tipos de cáncer por municipios en toda España. O debate acabou derivando na relación entre líneas de alta tensión e incidencia do cáncer; así como na credibilidade dos chamados círculos escépticos, grupos de persoas cunha visión moi crítica con todo aquilo que non teña demostración científica (especialmente ou quizáis exclusivamente desde as ciencias naturais) En concreto, o debate centrouse en comentar este interesante vídeo sobre a relación entre radiación no ionizante e saúde, imprescindible para entender o resto deste post. O vídeo induce a pensar que en realidade non existe ningunha relación científicamente demostrada entre radiación e saúde, minusvalorando de algunha forma toda visión negativa con determinadas formas de facer política, como a instalación de líneas de alta tensión. Mais o debate debe ser encadrado nun contexto máis amplo.
Non creo que o círculo escéptico esté financiado por ningunha empresa de telefonía nin nada polo estilo. Do que si comezo a estar seguro, máis despois de ver o documental, que o seu discurso ten un profundo sesgo ideolóxico. É certo que teñen un coidado case obsesivo en aparentar obxectividade. Sen embargo, o problema do documental e da visión dominante neste tipo de círculos é a súa visión cientificista da realidade. Trátase dun vello debate dentro do mundo das ciencias naturais e sociais. (Estou pensando sobre todo no grupo de doutorandos en física que sae ao longo do vídeo). O sesgo ideolóxico prodúcese no momento en que parten de que a única fonte de coñecemento válida é a que provén da aplicación de métodos inductivos característicos das ciencias naturais. Esa visión é moi típica entre os científicos naturais pero tamén sociais (as políticas de austeridade se fundamentaron en relacións significativas entre débeda e crecemento. Relacións que á postre se demostraron espúreas). É unha especie de postura que considera que os resultados das investigacións cuantitativas están por riba do ben e do mal (léase tamén esquerda dereita) como se a obxectividade só fose posible grazas a este forma de facer ciencia. É posible que esta visión esté lexitimada cando se trata de experimentos de laboratorio onde o investigador ten baixo control todas as variables, pero presenta enormes limitacións cando se trata de producir coñecemento sobre o home e a sociedade. Decía Bourdieu algo así como que non hai nada máis perverso que pretender ser obxectivo 100%. Se cadra o círculo escéptico e a maioría dos que saen no vídeo non teñen intencións perversas, pero do que estou seguro é que presentan un profundo sesgo ideolóxico (tal vez semi-inconsciente) e un profundo descoñecemento do mundo social (habitual por outro lado). Con isto non trato de despreciar este tipo de estudos (eu mesmo aplico esta metodoloxía) pero sí considero que precisan de máis doses de interpretativismo que non teñen cabida nun modelo estatístico.
Non estou dicindo que exista un sesgo ideolóxico na forma de aplicar o método. O sesgo ideolóxico pode tamén estar condicionado polo plantexamento dunha investigación ou o uso que se faiga dos resultados empíricos. Un exemplo claro e parecido o temos coas enquisas de opinión. É habitual que estas se fagan co maior rigor científico por parte do equipo técnico, sen embargo, ben por mor dun mal plantexamento do problema a investigar ou ben un uso partidista dos resultados acaban por sesgar a investigación. Algo así acontece con ese vídeo e a posición dos circulos escépticos. Non dubido que os que interveñen no vídeo non apliquen o método correctamente. Outra cousa é que despois ditos resultados sexan utilizados como una especie de obxecto arroxadizo por parte de determinados grupos de interés para lexitimar determinadas políticas ou sinxelamente para desprezar abertamente determinados movementos sociais ou protestas veciñais. Claro que a connivencia entre algúns científicos e os grupos de interese ás veces é alta, non o negemos.
Si considero que se debe lexislar despois de ter investigado científicamente o fenómeno en cuestión. Mais o que suxire esta visión “escéptica” é limitar o tipo de coñecemento válido a unha forma moi particular de facer ciencia, como é a que resulta da levar a cabo experimentos propios das ciencias naturais. (X número de casos reais, X número de casos de control. Aplicación de test de significación estatística e interpretación dos datos). O que a miúdo se coñece como positivismo. Postura que levada a extremos pode derivar no que se coñece como cientificismo. Pero un pode criticar esa forma de facer ciencia e seguir sendo científico. Eu considero que abordar o problema do impacto da tecnoloxía na sociedade desde unha perspectiva estrictamente experimental é moi complicado. Claro que é útil. É dicir, dispoñer de datos empíricos é útil e necesario, pero faise necesaria unha visión máis cualitaitiva para entender o problema en toda a súa magnitude. No fondo ten moito que ver coa filosofía de investigación, é dicir, en poñer máis énfase na pregunta de investigación que na propia resposta. Que un físico pase dez anos da súa vida tentando de responder a pregunta “existe relación entre radiación e cancro?” paréceme moi interesante e útil. Pero iso non debe ser utilizado para non impedir que un barrio se encha de antenas de telefonía ou liñas de alta tensión. O mesmo acontece coas minas a ceo aberto. Tamén á habitual escoitar voces “cientificistas” dicindo que non existe unha relación entre uso de cianuro e contaminación das augas e cousas polo estilo. O mesmo sucede co tema do fracking, coas centrais térmicas, nucleares, etc. E porque creo que este tipo de investigacións non deben ser determinantes? Pois porque existen outras formas de facer ciencia que, insisto, son máis áxiles á hora de analizar o problema. Que formas? Diferentes formas en canto ao plantexamento das investigacións. A pregunta non sería só “existe relación entre cancro e radiación”, tamén sería “relación entre cancro e falta de zonas verdes nas urbes galegas”, por poñer un exemplo. E diferentes formas de investigar en canto ao que se entende por impacto das tecnoloxías. Aquí os científicos sociais e, en particular os sociólogos, temos moito que dicir. Pode non existir unha relación directa entre minas a ceo aberto e casos de cancro. Sen embargo, o impacto social que provocan poden, a longo prazo, derivar nunha maior incidencia do cancro. Pero isto tamén é difícil (ás veces imposible) de entender para determinados científicos naturais. Sobre todo cando se descoñece o significado de conceptos como Gemeinschaft, habitus, interacción simbólica, cohesión social, xentrificación etc. Ou quizáis non sexa tan difícil porque, pola miña experiencia, os científicos sociais adoitan ter menos pedantería e máis pedagoxía á hora de explicar determinados conceptos. Supoño que é unha forma de manter o status quo das “ciencias duras”. Pero a realidade é que o desenvolvemento tanto teórico como empírico nas ciencias sociais permite falar dunha forma de facer ciencia tan sofisticada como as ciencias naturais. Así é que existen moitas voces que claman por unha menor separación de ambas. O vello debate de ciencias duras e blandas, ou letras e ciencias é xa bastante espúreo.