Socioloxía das Marquesiñas

No segundo artigo que publiquei falei sobre o proxecto de Orzamento Participativo en San Sadurniño. Teño que dicir que até o momento está rexistrando unha alta participación, tanto no que se refire a achega de propostas como ás asembleas parroquiais. Aínda que agardo poder colgar información máis polo miúdo proximamente, gustaríame centrarme nunha das propostas feitas en varias das parroquias, como é a referida ás marquesiñas.

O debate xerado en varias das asembleas parroquiais permite entrever cal é a importancia dese, a priori, sinxelo elemento do mobiliario urbano no medio rural galego. É probable que o “tupido velo” imposto pola urbanización da sociedade galega faga que a penas reparemos en cal é o significado que poden ter esas pequenas casetas que deixamos atrás no noso fugaz paso pola estrada que atravesa algún núcleo de poboación do que moitas veces nin coñecemos o seu nome.

Máis aló do uso polo que foron creadas moitas delas, como é o de protexerse da, por momentos, salvaxe climatoloxía do noso país durante a, case sempre, longa espera antes facer uso das poucas liñas de autobús dispoñibles en moitos lugares afastados da sociedade “avanzada”; as marquiñas configúranse como un elemento estrutural da vida social de calquera parroquia galega.

A forte dispersión que caracteriza o medio rural galego leva a que a interacción veciñal se reduza a determinados espazos sociais. Moito se ten falado das tabernas ou da propia igrexa parroquial como lugares comunitarios onde a xente adoita reunirse. Neste senso, as marquesiñas representan unha especie de “oasis” da que moitos veciños fan uso para se xuntar e, como dicía a miña avoa, botar unha parolada.

Se ademais do factor dispersión temos en conta o alto índice de envellecemento da poboación galega no rural, as marquesiñas representan unha especie de “apeadeiro” no que a xente pode descansar cando decide ir visitar a un veciño, ou simplemente saír dar unha volta.

Nun dos meus paseíños por unha das parroquias de San Sadurniño, puiden constatar os diferentes usos que se lle dan. Cabe destacar o seu papel “informativo”, pois en moitos casos son utilizadas para “colgar” información sobre festas e outros eventos. Aínda que soa máis a anécdota que outra cousa, chamoume especial atención o seu uso como fixadores de
contedores do lixo. O
que en principio parecía un “feismo” dos moitos que se poden atopar na “Galiza de planos curtos”, no transcurso dunha das asembleas foi defendido como o único xeito de evitar que os contedores do lixo foran arrastrados polo forte vento. Claro que falar dos contedores daba para facer, como mínimo, outro artigo coma este.


Por último, non quixera pasar por alto a descrición dos distintos tipos de marquesiñas. Pódese dicir que estas entenden de clases sociais. Existen moi diferentes tipos. Por un lado temos o modelo “hórreo”. Estas son as máis caras e sitúanse, normalmente, en estradas comarcais dependentes da Deputación. Despois está o modelo “plástico”, anterior ao de “hórreo”, tamén da deputación e que soen estar en peores condicións. Por outra banda, están as míticas marquesiñas metálicas. Estas son dependencia municipal, e sitúanse en estradas municipais. Foron construídas alá polos anos oitenta coa finalidade principal de dar abrigo aos rapaces que ían a escola. Polo que puiden ver, en xeral están en bastante mal estado.

Advertisements

“Cartografía Sociolóxica”

Ao longo desta semana estiven asistindo a un curso de Sistemas de Información Xeográfica (SIX) organizado polo Colexio de Xeógrafos no campus sur de Santiago de Compostela.

Para o que non estea moi posto ao día, en dúas palabras, trátase dun sistema informático que permite plasmar información en mapas dixitais.

A pesares de que o seu uso está máis estendido entre as Ciencias Naturais, pode resultar de gran interese para disciplinas como a Socioloxía, ou as Ciencias Sociais en xeral. En moitas investigacións sociais ou de mercado, a análise comparativa territorial resulta determinante para facermos unha interpretación da realidade obxecto de estudo. A posibilidade de representar información en mapas facilita sen dúbida esta labor. En ocasións, e para que nos entendamos, “un mapa di máis que mil táboas”.

O máis avanzado software para SIX é o Arcgis. O manexo deste tipo de ferramentas está fortemente condicionado pola dispoñibilidade de cartografía. Porén, cada vez son máis as institucións que non só elaboran a súa propia cartografía, senón que esta está dispoñible en internet. Convídovos a visitar a páxina do IDEE, onde atoparedes gran parte da cartografía existente.

Por outra banda, nos últimos anos proliferou algún que outro software libre que non ten nada que envexar aos comerciais, como é o caso do GVgis, deseñado pola Comunidade Autónoma de Valencia (pódese descargar moi facilmente)

O Arcgis foi o software escollido polo mestre para impartir o curso. Ei de recoñecer que tiven algunhas dificultades para comprender algúns termos xeográficos, pero isto non foi un impedimento para adquirir unha serie de conceptos chave para o seu manexo.

Así, para facer un simple mapa de poboación por concellos precisamos, por unha banda, conseguir un mapa de Galicia en formato shape, que podedes descargar gratuitamente na páxina do SITGA. Isto é, basicamente, a plantilla sobre a que volcar posteriormente os datos. Por outra banda, precisades recoller información sobre a poboación de cada concello, por exemplo, no Padrón de habitantes publicado no IGE. Posteriormente, teredes que vincular os códigos municipais cos códigos que o arquivo shape lle ten asignado a cada concello.

Podedes conectarvos a algún servidor externo por vía WMS para cargar mapas temáticos sobre a plantilla shape. Buscade en “San Google” WMS Galicia. É probable que vos leve ao IDEE, onde atoparedes unha dirección web. Pois ben, esa dirección é a que vos pedirá o software para cargar toda a información.
A verdade e que se poden facer virguerías, pero aconséllevos que leades o manual do programa gis que utilicedes, ou mellor aínda, que faledes con alguén que xa coñeza este tipo de ferramentas, pois será de gran utilidade para aprender catro cousas básicas e aforrar tempo.

Orzamento Participativo en San Sadurniño

O Orzamento Participativo é un mecanismo mediante o cal os veciños dun concello realizan propostas de actuación co fin de que estas sexan incluídas nos ornamentos municipais.

A súa orixe hai que situala en Finlandia hai aproximadamente 20 anos, aínda que foi a partir da experiencia de Porto Alegre (1989) cando foron gañando presenza no ámbito de latinoamérica e Europa.

Con relación ao Estado español, cabe destacar as experiencias levadas a cabo en Sevilla, Albacete, San Sebastián, Málaga, Córdoba entre outras cidades. (+info presuspuestosparticipativos.com)

E a nivel galego…pois parece que desde o pasado sábado 13 de setembro, o noso país perdeu a súa “virxindade”. E non foi na Coruña, ni en Vigo, nin en Pontevedra.. non¡, foi en San Sadurniño, concello situado ao Norte da provincia da Coruña.

Ademais, o seu carácter rural outórgalle aínda maior trascendencia, pois a gran maioría das experiencias, tanto a nivel estatal como internacional, leváronse a cabo en entornos urbanos.

O pasado sábado 13 de setembro tiven a sorte de participar, en calidade de técnico da consultaría Proxectos, na presentación oficial do Orzamento Participativo deste concello. Tiven o honor, porque non dicilo, de expoñer, xunto co meu compañeiro Pepe Grandal, as bases reguladoras de todo o proceso.

Existe un rumor moi estendido de que as empresas de consultaría adoitan recorrer en innumerables ocasións ao “copia e pega” para facer os seus traballos. Ben, a este respecto teño que dicir tres cousas. Primeiro, que é certo, segundo que non é tan fácil e terceiro que non sempre é así. Explícome. Evidentemente, se a información que un consultor está a buscar na rede xa existe e é exactamente igual ao que un busca, pois coño, o lóxico é copiar. Pero na maior parte dos casos isto non é así, polo que aínda que un pode copiar algunhas cousiñas, o verdadeiramente complexo de todo isto é saber adaptar a gran información existente hoxe en día á realidade obxecto de estudo. Por outra parte, tamén é posible que determinados temas sexan imposibles de copiar, polo simple feito de non existiren información ao respecto.

Cando os membros da Área de Investigación Social Aplicada (Carlos, Diana e máis eu) de Proxectos comezamos a deseñar o proceso participativo (xunto cos técnicos e representantes políticos municipais) recadamos gran cantidade de información sobre Orzamentos Participativos realizados noutros concellos de España ou América latina, principalmente. A conclusión foi: “non hai dous Orzamentos Participativos iguais”, é dicir, dependendo das características de cada territorio, as regras que regulan o proceso mudan completamente.

Neste contexto, e ante a inexistencia de experiencias previas en Galicia a situación de partida requiría incorporar a perspectiva do rural galego e introduciren unha serie de regras que remataran por regular, do xeito máis xusto, todo o proceso.

Foi así como se deseñaron as Bases Reguladoras, documento inicial para unha experiencia piloto, que agardamos recolla todos aqueles aspectos relevantes para un bo desenvolvemento deste iniciativa municipal.

O que en Málaga podía significar asemblea de barrio, en San Sadurniño convértese en asemblea parroquial. Mentres que a poboación pode resultar o único criterio a ter en conta no reparto dos orzamentos entre os barrios de Córdoba, en San Sadurniño cumpría engadir unha serie de criterios, como o número de núcleos ou a extensión das propias parroquias, habida conta da gran dispersión poboacional do rural galego.

Trátase, en definitiva, dun proxecto innovador que agardamos teña toda a transcendencia mediática que se merece para que serva de exemplo en outros moitos concellos do noso país, en aras dun novo concepto de democracia alén da participación electoral.

Agardo que todo saia ben e que dentro dunhas semanas poda volver a escribir neste blog contándovos o éxito, que dalgunha maneira xa tivo, o Orzamento participativo en “Sansa”.

Ligazón relacionada: http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=5&idNoticia=342589

Benvid@s

Como non podía ser menos, este primeiro artigo non ten outro obxectivo que o de darvos a benvida a este meu/voso blog (que mellor maneira de facelo que navegando polos lagos de kaszuby, jeje) Despois do éxito acadado con blog “debantindo” no meu concello natal (As Pontes), desta volta agardo, cando menos, manter o nivel de visitas e comentarios acadados con esta primeira experiencia “blogueira”. Como ben indico na presentación (ver columna da esquerda), mediante este blog procurarei publicar cantos artigos sexan posibles e coa maior frecuenica posible sobre temas sociais, políticos, culturais, locais, globais… e sempre desde unha óptica persoal e crítica e tamén, por que non dicilo, dun xeito informal e sarcástica (cando o tema así o requira), procurando iso sí, non ser ferinte nin punzante (aínda que algunhas noticias ou temas de actualidade ben o merezan)

Agardando que gostedes do blog, recibide un cordial saúdo

Feira de que grelos?

A feira do grelo das Pontes naceu no ano 1981 co fin de potenciar a agricultura local e ensalzar un dos produtos máis típicos da zona. Mais cual é a situación real da agricultura no concello hoxe en día? e en concreto, cual é a produción de grelos?
Sinto non poder ofrecer información máis concreta e actualizada sobre a produción de grelos nas Pontes, se ben a superificie de terra labrada reflicte, dalgunha maneira, a situación actual. O Instituto Galego de Estatística (IGE. http://www.ige.eu/) na súa sección de agricultura (censo agrario) recolle información sobre o número de hectáreas de terra labrada en Galicia. Como podedes observar, no ámbito pontés as cifras tenhen descendido máis do 90%, situación que, probablemente, se acentúa a partir de 1999. En Concellos como Monfero a evolución do número de hectáreas tiñaa experimentado unha evolución manifestamente oposta no mesmo periodo, tendencia que, probablemente, prosegue até o día de hoxe, onde a actividade agrícola e, en concreto, a produción de grelos, ten experimentado un proceso de modernización que lle outorga cada vez maior relevancia no conxunto da súa economía.
Neste contexto, compre analizar cual é o significado que este tipo de eventos tenhen na Galiza e, en concreto, nas Pontes e a súa comarca. Non dispoño de información sobre a evolución do número de feiras nos últimos vinte anos, mais de seguro que esta é claramente superior a evolución das terras labradas e da produción de hortizas no noso pais. Certamente, as feiras constituironse ao longo da historia como elementos fundamentais para artellar as economías comarcais, mais hoxe en día, lonxe deste concepción, representan simples eventos gastronómicos.
Porén, compre diferenzar entre dous tipos de feiras, por unha banda, feiras como a o grelo de Xestoso que non deixan de ser o colofón dun proceso exitoso de modernización e comercialización dun produto de gran prestixio e outras feiras coma a das Pontes, que tamén son un colofón, pero neste caso de esquecemento dun produto que, a pesar da importancia que alcanzou noutrohora, a súa produción actual reducese a escasas leiras de carácter familiar.
Cales son as políticas de fomento do sector primario, noutrora fonte principal de riqueza nas Pontes? Podemos considerar a agricultura ou a ganderia como unha alternativa de diversificación económica? Cal é o potencial real deste sector nas Pontes?